Friday 17 de May de 2024

O Concello de Brión lanza unha aplicación gratuíta para dispositivos móviles para a promoción turística do municipio


Dispoñible en galego e castelán, ofrece toda a información sobre os principais atractivos turísticos de Brión, as súas festividades e actividades, así como sobre onde comer ou durmir

O Concello de Brión ven de lanzar unha aplicación gratuíta para dispositivos móbiles, compatible con “smartphones” e tabletas dixitais, para a promoción turística do municipio. Trátase dunha APP que permite aos usuarios atopar toda a información sobre os principais atractivos turísticos que existen dentro do territorio municipal, permitindo a localización xeográfica e a visualización en imaxes dos mesmos en dispositivos móbiles dun xeito atractivo e moi sinxelo.

A aplicación xa está dispoñible para “Android” na tenda “Google Play” e tamén na “App Store” de “iOS”, para os posuidores dun dispositivo “Apple”. Tamén se pode acceder a ela dende a páxina web municicipal: www.concellodebrion.gal. Unha vez descargada e instalada, os usuarios poden comezar a usala de xeito inmediato, sen máis requirimentos.

Baixo a denominación de Concello de Brión, a aplicación presenta un sinxelo menú estruturado en diferentes categorías:

• Arquitectura arqueolóxica (castros, megálitos, etc.)
• Arquitectura civil (pazos, pontes, fontes, etc.)
• Arquitectura militar (castelos)
• Arquitectura relixiosa (igrexas, capelas, cruceiros, etc.)
• Patrimonio cultural
• Patrimonio natural
• Onde comer
• Onde durmir
• Que facer (Festividades, exposicións, etc.)
• Que ver (cunha selección de lugares de interese destacados)
• Servizos (servizos municipais, sanidade, emerxencias, hostaleira, farmicias, etc.)

En cada unha das categorías aparecen distintos lugares que podemos seleccionar para acceder ás fichas individuais de cada elemento. Nesas fichas figuran datos de interese, imaxes dos lugares, a súa localización xeográfica, así como a posibilidade de visualizar como chegar a eles grazas ao “Google Maps”. O acceso aos contidos pode facerse en galego e castelán, seleccionando a lingua preferida con só premer na icona de configuración para cambiar o idioma do programa.

O Concello de Brión pon a disposición da veciñanza e dos usuarios da aplicación para que realicen suxestións de cara a solucionar carencias e corrixir posibles erros da aplicación. As suxerencias deberán achegarse ao enderezo de correo: appconcellodebrion@gmail.com.

“Brión en rutas”

Deseñada pola empresa Sixtema para o Concello de Brión, que administra os contidos, esta nova App convive con “Brión en Rutas”, outra interesante aplicación para móbiles na que tamén colabora o Concello de Brión e que permite descubrir o municipio a través de tres rutas:

• Ruta das Igrexas e Cruceiros, que percorre Brión de principio a fin descubrindo a nosa abundante arquitectura relixiosa.
• Ruta Arqueolóxica: castros, mámoas, pontes, as Torres de Altamira… coñece os recursos arqueolóxicos de Brión. Esta ruta esconde unha historia cargada de misterio que nos guía polas Mámoas de Rañalonga.
• Guía Informativa: ruta turística de carácter xeral, o esencial de Brión.

“Brión en Rutas”, desenvolvida pola empresa Ubiplay Mobile, é unha aplicación completamente diferente. Cando a executamos no noso dispositivo móbil, e grazas ao sistema de localización GPS, sitúa a nosa posición actual nun mapa xunto cos puntos de interese clave de cada unha das rutas recollidas nesta app. Seleccionando un destes puntos, poderemos navegar cara el dentro da propia aplicación ou a través de Google Maps. Tan pronto alcancemos o punto de interese, a aplicación actualizarase automaticamente, amosándonos información sobre o lugar no que nos atopamos.

Tanto a aplicación como os contidos das tres rutas están dispoñibles en tres idiomas (galego, castelán e inglés), aínda que se adapta de forma automática ao idioma que ten configurado o usuario no teléfono.